domingo, 1 de febrero de 2015

OBXECTIVO 210/160
            Actualmente, 36 anos despois da aprobación da Carta Magna, nos partidos políticos diferentes do PP e na maioría dos medios de comunicación galegos e españois fálase da posibilidade de realizar unha terceira reforma constitucional, pero cunha profundidade maior que as dúas levadas a cabo ata o momento: a dos artigos 13.2 (1992) e 135 (2011).
            A actual situación de crise económica, os frecuentes problemas de ética pública máis a oportunidade de ter unha sociedade máis próspera económica, social e axioloxicamente, requiren a revisión da nosa norma suprema. Non obstante, anque esta teña aspectos mellorables, cómpre lembrar que a raíz dos problemas económicos e de corrupción institucional subxacen esencialmente na falta de civismo das nosas elites sociais (enorme fraude fiscal, trato de favor ás grandes empresas, creación de gran cantidade de cargos públicos prescindibles, uso do servizo público para beneficio privado ou as portas xiratorias), elixidas, no caso dos representantes políticos, polos cidadáns; e non na Constitución.
            Deste xeito, se se cumpren os pronósticos das diferentes enquisas elaboradas dende a chegada do PP ó Goberno en 2011, en 2015 (ou 2016) pode ter lugar un cambio estrutural no sistema de partidos, ó chegar ó seu ocaso o bipartidismo. Consecuentemente, forzas como PP, VOX, PAR, FAC ou UPN -todas elas (salvo VOX, que, no seu caso, levaría a cabo unha indesexable contrarreforma), en certa medida, refractarias ós cambios políticos- poden non superar os 140 congresistas e 106 senadores.
            Nese caso, non poderían vetar unha hipotética reforma ordinaria (artigo 167) da CE, que esixe a aprobación do 60% dos parlamentarios: 210 deputados e 160 senadores. A reforma extraordinaria (artigo 168), pola súa banda, requiriría o apoio de 234 deputados e 178 senadores (2/3) por parte das forzas reformistas e rupturistas, e iso antóllase xa moito máis complicado.
            En caso de que fose viable a primeira -a cal non afecta ó Título Preliminar, nin ós dereitos e liberdades, nin á Coroa-, en que poderían chegar a entenderse o PSOE, nacionalistas periféricos de distinto signo, ecoloxistas, indignados, rexeneracionistas españolistas e esquerdistas puros?
            En primeiro lugar, dentro do Título VIII, é imprescindible a desaparición das 41 Deputacións, 7 Cabildos e 4 Consellos Insulares. O seu custe estimado, segundo o Círculo de Empresarios, é de 22.000 millóns de euros ó ano. Consecuentemente, tamén desaparecerían as provincias, innecesarias e carentes per se de identidade, exceptuando o caso de Gipozkoa e Bizkaia, que, en todo caso, esta compensaríase co mantemento da autonomía de Euzkadi.
            En liña coa idea anterior, é fundamental a eliminación de institucións inservibles como o Defensor del Pueblo (artigo 54), o Senado (artigo 69) ou o Consello do Estado (artigo 107). O aforro superaría os 60 millóns de euros anuais.
            En vistas á obtención dun maior nivel de pluralismo político, débese modificar o sistema electoral e establecer as CC.AA. como circunscrición nas eleccións ó Congreso dos Deputados (artigo 68.2). Desta forma, habería unha maior proporción entre os escanos e votos obtidos, sen caer no risco da ingobernabilidade.
            Nesta reforma electoral debería tamén incluírse a implantación obrigatoria de listas abertas (no propio artigo 68) dentro da opción política elixida. Deste xeito, remataríase así co control dos aparatos na confección das listas.
            En penúltimo lugar, no que se refire ó Título VI, as tacitamente citadas organizacións partidistas poderían e deberían pórse de acordo na garantía da plena independencia do poder xudicial, establecendo o concurso de méritos e non o nomeamento político dos membros do CXPX, do Presidente do TS (artigo 123) e do Fiscal Xeral do Estado (art. 124).
            Fóra do poder xudicial, o mesmo plantexamento debería ser levado a cabo no Título IX para a elección dos membros do Tribunal Constitucional (artigo 159.1) ou do Tribunal de Contas (artigo 136). Esta garantía da independencia dos poderes públicos debería ser extensible igualmente a RTVE, non mencionada na Carta Magna e incluíndose, por tanto, coa finalidade de rematar co control dos gobernos de turno (exceptuando o Goberno de Zapatero, en cuxo período esta pluralidade dependeu da boa fe do PSOE).
            Finalmente, medidas menos importantes cás anteriores, pero tamén relevantes, e que deberían ser obxecto de reforma constitucional ordinaria, son as reformas dos artigos: 13 (coa finalidade de darlle dereito ó voto á poboación inmigrante con residencia legal en España), 32 (protección constitucional do matrimonio entre persoas do mesmo sexo) e 92 (a dación de carácter vinculante ós referendos).

            Todos estes cambios, por suposto, dependen primeiro do voto dos cidadáns; do acordo, no seu caso, de todas esas forzas, heteroxéneas ideoloxicamente entre si; e da aprobación mediante referendo -non é obrigatoria neste procedemento, de non ser pedido polo 10% dos parlamentarios, pero ética e politicamente é necesaria esta aprobación-.
             Esperemos que o 2015 sexa efectivamente o ano do cambio. Se non de réxime político, polo menos de goberno e de statu quo nun sentido reformista, que poida chegar a ser unha parte da solución ós graves problemas que hai actualmente no Estado e na sociedade española.