sábado, 25 de julio de 2015

QUE ENTENDEMOS POR CIDADANISMO?
          Dende o nacemento do Movimiento 15-M en 2011, fundamentalmente, boa parte de axenda política galega e española está marcada pola forte presenza da cidadanía, xa sexa como suxeito ou, sobre todo, como obxecto de mensaxes teoricamente favorecedoras dos intereses desta. Os danos causados pola crise económica, os numerosos casos de corrupción que saen nos media ou a aparición de novas canles (Twitter, Facebook...) que dan lugar a que este actor sexa máis protagonista; suscitan un cambio de discurso nos vellos partidos políticos (especialmente en aqueles máis concienciados política e eticamente, ou cun electorado máis crítico, coma o caso de BNG ou IU) máis a recente aparición de organizacións sociais e políticas que conectan coa nova política e que se definen como renovadoras ou rexeneracionistas; xa sexan de esquerda alternativa (Anova, CUP...), indignados (Podemos, Mareas...) ecosocialistas (Equo, Espazo Ecosocialista Galego...), socialdemócratas (CxG) ou centristas (CXXI, UPyD ou Ciudadanos).
             Por cidadanismo comprendemos o discurso político que aposta por dotar á sociedade civil de sólidas ferramentas democráticas para -ademais de fomentar a ética pública e a transparencia- a posteriori, implantar políticas públicas que melloren a súa calidade de vida, que preconicen unha notoria igualdade social e que sexan incompatibles con toda forma de privilexio social e político.
           Deste xeito, entre as súas características atopamos a defensa, en maior ou menor medida, da radicalidade democrática (creación de máis fórmulas de participación cidadá, listas abertas, sistemas electorais máis proporcionais...); a búsqueda de instrumentos de loita eficaz contra a corrupción (eliminación/redución do número de aforados, prohibición de incluir nas candidaturas electorais a imputados, independencia real do Poder Xudicial...); a eliminación dos chiringuitos existentes na administración pública (Senado, Consejo de Estado, Consello Consultivo...); ou a loita contra a evasión fiscal, a prohibición das SICAVs e a eliminación das portas xiratorias.
     Todos estes elementos teñen como nexo común o incremento do IDH (Índice de Desenvolvemento Humano) nas sociedades. Polo tanto, ábrese un novo espectro politolóxico que se suma ós xa existentes, de entre o que destaca o clásico esquerda/dereita: sistemismo/rexeneracionismo. Neste sentido, os conceptos de rexeneracionismo e cidadanismo están intrinsecamente relacionados, posto que ambos anhelan a transparenca e a equidade e son filosoficamente posmaterialistas e posmodernos.
           Deste xeito, afirmaríamos que o segundo circunscríbese como unha dimensión do primeiro. Así, cidadanismo ten un matiz máis sociolóxico (anque abrangue tamén, como vimos, outras facetas), mentres que rexeneracionismo aúna o elemento social co ético máis coa execución de políticas públicas destinadas a cambiar a sociedade.
         Facendo unha analoxía histórico-social, sería como valorar a diferenza entre Renacemento e Humanismo, formando a segunda, parte da primeira.
           Por outra parte, se ben cidadanismo e esquerda están relacionados na medida en que moitas das medidas da nova política están asociadas á redución das diferenzas en todos os eidos tematicos e, de feito, moitos rexeneracionistas son de esquerdas; a natureza dun e doutro termo é distinta. O cidadanismo, á parte de renegar en moitas ocasións do eixe dereita/esquerda, céntrase na cidadanía -valla a redundancia- como suxeito protagonista e xerador de condicións xurídicas e sociais que posibiliten unha mellor calidade de vida.
          Pode darse o caso, dentro destas pequenas diferenzas, de organizacións máis rexeneracionistas que cidadanistas, coma é o caso de UPyD, que indubidablemente aposta pola ética política e pola implementación de decisións que xeren maior benestar e calidade institucional, pero deixa máis a un lado, especialmente nas súas prácticas democráticas internas, as medidas de radicalidade democrática. Por outra banda, ata hoxe en día non se coñecen grupos abertamente cidadanistas que non sexan rexeneracionistas, xa que estes incorporan as dúas dimensións: social e ético-xurídica.
         Pola súa parte, a esquerda ten como eixe a loita contra a desigualdade en todas as esferas. Neste sentido, a menor desigualdade é unha variable independente de IDH, segundo a ONU. Por este -e outros motivos- rexeracionismo/cidadanismo e esquerda coinciden en bastantes ocasións.
      Pero tamén cómpre recordar que existen casos opostos de organizacións que son inequivocamente cidadanistas e non de esquerdas, coma C´s ou os libertarios do P-LIB. E á inversa: moitos socialdemócratas (o sector guerrista do PSOE, no seu día) e comunistas (por exemplo, un sector do PCE na CC.AA. de Madrid) rexeitan maiores canles de participación cidadá por innecesarios e porque poderían dar lugar a un efecto boomerang na loita contra a desigualdade, ó desconfiar da cidadanía ou pola existencia dunha cultura organizacional baseada na disciplina (este é o caso dos partidos marxista-leninistas).
       Na miña opinión, a adopción deste discurso leva consigo a adopción, ó menos no plano teórico, das medidas transformadoras, entre outras, que antes enunciabamos. Ademais, favorecen canles de participación cidadá diferentes ás dos partidos (para aqueles que non se identifiquen con ningún) e conciencian da importancia da politización no bo sentido do termo a sectores da cidadanía que antes non o estaban.
       Pero por outro lado, as organizacións cidadanistas, en moitas ocasións, caen en certos discursos fáciles e populistas, ó acusar a todos os partidos de ser iguais; no caso dos indignados, incorporan medidas económicas pouco sensatas e realistas; ou unha certa indefinición ideolóxica. Neste último caso, opino que os eixes politolóxicos van máis aló do clásico e do mencionado aquí (sistemismo/rexeneracionismo): ecoloxismo/produtivismo, liberdade/autoridade ou especismo/animalismo.
        E é que, en moitas ocasións, á non definición en ningún eixe, súmanselle os desexos de abarcar todos os espazos. E isto, á parte de ideoloxicamente imposible, é pouco útil desde o punto de vista da mellora social e do noso hábitat natural.