sábado, 26 de septiembre de 2015

SUSPENSE EN CATALUNYA E POSIBLES CAMBIOS XURÍDICOS NO ESTADO
          Que acontecerá en Catalunya e en España tralo 27-S, se os independentistas (JxS e as CUP) obteñen 68/135 deputados e máis dun 50% dos votos?
          A priori, a maioría das enquisas apuntan á superación da maioría absoluta en escanos mais non en votos dos secesionistas, polo que, ás barreiras xurídicas existentes, haberíalle que engadir, como handicap para os independentistas, a falta de claridade sobre un apoio maioritario á separación de España. Ademais, lembremos que son eleccións autonómicas e non un referendo, polo que votar a unha candidatura unionista ou independentista non significa dicir si ou non, pois tamén entran moitos outros temas en xogo.
          Supoño que todo dependerá do grao de osadía dos cargos lexislativos e executivos soberanistas cataláns e do nivel de flexibilidade ou mesmo belixerancia do actual Goberno Central. Neste sentido, dubido bastante da execución práctica dunha DUI por parte de Mas/Romeva...: polos riscos que leva implícita -mesmo bélicos: lembremos que o artigo 8 da Carta Magna sanciona a intervención do Exército en caso de secesión- e pola súa natureza xurídica ilegal, ó marxe das opinións de cada un acerca do dereito a decidir.
          A chave da resolución deste conflicto pode estar na entrada de partidos rupturistas co actual réxime político no Executivo Central a partir de 2016; na transferencia ás CC.AAs da competencia sobre consulta (mediante aprobación por maioría absoluta); ou nunha reforma federalista asimétrica da Constitución, xunto a outros moitos temas alleos á organización territorial do Estado.
         Isto último só ocorrerá, se o PP e os seus partidos satélites non alcanzan os 140 congresistas e 106 senadores, respectivamente e se os españois aproban ditas reformas en referendo, se así o pide un 10% dos membros dalgunha das dúas cámaras estatais, 
seguindo ó artigo 167 da CE. En caso de depender de forzas políticas como C´s ou UPyD, a reforma territorial faríase moi complexa e posiblemente entraría en xogo o procedemento de negociación do ut des (gañar nun tema, a cambio de ceder noutro, sempre dentro do inclusivismo), cuxo éxito foi notable na redacción da actual norma suprema.
        En todo caso, son, primeiro os cataláns, os que poden chegar a forzar un cambio constitucional; e logo, o conxunto dos españois, probablemente o 20-D. O pobo terá a palabra.

miércoles, 9 de septiembre de 2015

DIADA E RADICALIDADE DEMOCRÁTICA
Este venres terá lugar unha nova edición da Diada en Catalunya. Fóra do eixe nacionalismo español-periférico, se tomamos en consideración o espectro vella-nova política, observamos como as demandas soberanistas catalás coinciden, neste sentido, co espírito de radicalidade democrática existente en boa parte da sociedade galega, española e catalá, neste caso, latente dende o nacemento do Movemento 15-M.
Esta profundización democrática tradúcese, xunto á preconización dunha maior rexeneración institucional, nun maior e efectivo protagonismo cidadán na toma de decisións: dereito a decidir das CC.AAs, neste caso; referendos vinculantes; establecemento de consultas a nivel autonómico; maior participación cidadá a nivel municipal, referendo Monarquía-República; ou no establecemento dun sistema electoral máis proporcional para tódalas convocatorias.
Volvendo á cuestión catalá, considero que, de levar a cabo unha mera consulta, os partidos estatais deberían transixir, mediante a modificación do artigo 149.1.32. E se se quere ir máis alá e facer un referendo de independencia vinculante, o máis lóxico sería recoñecer primeiro o dereito de autodeterminación, partindo dos procedementos de reforma constitucional estipulados no artigo 168 da Carta Magna; e, a posteriori, aceptando unha hipotética independencia de Catalunya, de obter o Si un 55% dos votos, seguindo así o plantexamento aplicado en 2006 a Montenegro.
Por tanto, tanto o respeto á legalidade vixente dos partidos catalanistas como a transixencia política das forzas estatais, debe estar presente en todo momento, coa finalidade de ofrecer unha solución óptima a este conflicto sociopolítico.