sábado, 23 de abril de 2016


CENTO SETENTA ANOS DO LEVANTAMENTO DE SOLÍS: DO PROVINCIALISMO Ó NEOGALEGUISMO

Hai 17 décadas, un 26 de abril de 1846, produciuse a execución dos chamados Mártires de Carral, nome co que se coñecen ós militares que iniciaran 24 días antes un levantamento liberal-progresista en Galicia contra o réxime presidido polo conservador Ramón María Narváez durante a Década Moderada (1844-54). Nun principio o pronunciamento só tivo o mencionado carácter ideolóxico. Non obstante, a participación de destacados membros provincialistas á insurrección incorporou á mesma a esta primeira formulación teórica galeguista.
O provincialismo foi un movemento político que xurdira poucos anos atrás en parte do mundo académico. Reclamaba que Galicia fose unha provincia única cunha certa autonomía por motivos identitarios (lingua, cultura, historia, costumes, etc.) e socioeconómicos, a diferencia do que propoñían as distintas correntes liberais decimonónicas de ámbito estatal.
Ó longo destes 170 anos houbo, como sabemos, distintas correntes teóricas que resaltaron a singularidade galega. Podemos diferenciar 4 bloques ideolóxicos. O primeiro deles é heteroxéneo, mais non recoñece a Galicia como nación, pero si merecedora dun autogoberno. Aquí intégranse: o propio provincialismo, carlismo foralista, rexionalismo e neorrexionalismo. Neste último caso, aparecen o PPdeG e boa parte do PSdeG.
En segundo lugar, o federalismo histórico (Partido Democrático Republicano Federal ou un sector do Partido Galeguista) máis o actual (Esquerda Unida ou parte de Equo e Podemos) danlle á nosa comunidade autónoma carácter nacional, é dicir, sosteñen que posúe elementos identitarios diferenciais de primeira orde, pero non son nacionalistas, xa que destacan a españolidade de Galicia e ademais rexeitan totalmente o independentismo.
Por outra banda, o nacionalismo –xa sexa esencialista (BNG) ou cooperativista (Anova-IN), e analizado individualmente- ten puntos semellantes coa formulación anterior no que respecta ó concepto de nación galega. Sen embargo, este só é defendido por organizacións co centro de decisión na nosa terra, aquí aprécianse poucos ou ningún trazo sentimental españolista, os aspectos “nacionais” galegos sempre prevalecen e ábrese a porta á defensa da secesión.
En cuarto e último termo, dende 2007, co nacemento na esfera municipal de Alternativa Canguesa de Esquerdas (FPG+IU), pero, sobre todo, desde 2012 (creación de Alternativa Galega de Esquerdas), debemos engadir un novo plantexamento: o neogaleguismo. Este termo é empregado polo partido político ecosocialista Espazo para autodefinirse. Por este comprendemos, por un lado, a defensa da identidade nacional galega desde a confluencia entre as forzas nacionalistas e non nacionalistas (a maior parte destas últimas, federalistas), con independencia do centro de decisión; e, por outro, a incorporación ó galeguismo de conceptos rexeneracionistas e cidadanistas -como o asemblearismo, o dereito a decidir ou unha maior inclusión de fórmulas de participación cidadá-. Deste xeito, debemos ter en conta na actualidade o contexto tecnolóxico e a conxuntura económica, social e institucional máis a natureza posmaterialista e republicana (pertenza á subcultura política cívica) dos suxeitos que preconizan estes postulados.
Na actualidade, a coalición En Marea, herdeira de AGE, integra en boa medida todos estes elementos, ós que cómpre engadir, dacordo co historiador e precisamente ecogaleguista Xoán Hermida, a importancia das organizacións locais neste fenómeno. Por outra banda, hai que recalcar que o neogaleguismo rompeu coa hexemonía que tivo o nacionalismo entre 1989 e 2012, cando o BNG foi a primeira forza galeguista “nacional” en tódolos entes territoriais. Como podemos apreciar, ambos idearios distan bastante da primitiva formulación nacida na primeira metade do Oitocentos.

Se ben é certo que as “confluencias” constitúen un eclecticismo ideolóxico integrador e eficaz en termos de superación das barreiras electorais existentes, a súa existencia deu lugar a unha fonda división por cuestións estratéxicas no seno do nacionalismo galego socialista, así como, anque de menor importancia, en sectores do Partido Comunista de Galicia (partido que forma parte de EU) ou de Podemos, que ven como as súas respectivas organizacións partidistas parécense máis que antes a forzas nacionalistas periféricas, aínda conservando practicamente intacto o seu discurso.

http://www.forocoches.com/foro/showthread.php?t=3232401

sábado, 9 de abril de 2016

UNHA ANÁLISE DA IMPORTANCIA DE BEIRAS NA POLÍTICA GALEGA
O pasado 7 de abril Xosé Manuel Beiras cumpriu 8 décadas de vida, poucos días despois de anunciar que non descarta presentarse por sétima vez á presidencia da Xunta de Galicia. O seu nomeamento como presidenciable dependerá seguramente do grao de apoio dos militantes ou simpatizantes da candidatura de esquerda galeguista coa que se presente, en tal caso. Non obstante, o seu carisma e aptitudes colocaríano como favorito en ditas primarias. Ademais, a día de hoxe non se albisca nas “mareas” un candidato que reúna estas características, que sexa tan coñecido e que teña esa vontade.
A pesar da súa ampla traxectoria académica, profesional allea á política e político-institucional, o brionés nunca ocupou ningún cargo executivo. Algúns dos seus adversarios no espectro progresista, coma os militantes da súa antiga organización partidista máis críticos con el ou o eurodeputado José Blanco, destacaron que os momentos de éxito de Beiras coincidiron con maiorías absolutas do PPdeG. Destas afirmacións pódese concluir que a virulencia verbal de Beiras máis a existencia de episódicas vulneracións da orde nas sesións no Parlamento ocasionaron medo ou un forte rexeitamento entre case tódolos votantes conservadores ou mesmo centristas, amortizando así a súa gran popularidade nunha parte importante do electorado socialista galego.
Para analizar se estas afirmacións son certas ou non, se nos detemos en cada unha das fases da historia democrática da autonomía nas que el tivo protagonismo institucional –prefraguismo, fraguismo, e “era Feijoo”-, entre 1985 e 1989 o papel do veterano líder nacionalista era pouco relevante na política galega: o BNG só obtivo 1 e 5 escanos, respectivamente, e non formaba parte de ningún goberno.
Entre 1989 e 2005 o enorme éxito de Manuel Fraga foi debido fundamentalmente a causas endóxenas do PP galego e español, así como externas alleas ó nacionalismo galego de esquerdas. Entre as primeiras, destacamos: o seu propio carisma, a capacidade de atraer a case todo o espectro dereitista e centrista (absorción electoral de Coalición Galega entre 1989 e 1993), a ausencia de casos de corrupción relevantes asociados á súa formación e o auxe aznarista. Nas externas atopamos: o declive felipista, o aproveitamento dos fondos da UE trala entrada de España na CEE en 1986 ou a fase expansiva de crecemento económico que houbo entre 1995 e 2007.
Pola súa banda, a vitoria de Feijoo en 2012 obedeceu tamén a factores alleos ó suposto “medo” a Beiras: ós problemas internos de PSdeG e BNG, ó feito de que o PP aínda nos estaba tan desgastado coma hoxe pola crise económica e ético-política ou á focalización por parte do PPdeG nas cifras relativamente mellores de Galicia en termos de déficit durante a campaña electoral.
Por outro lado, se nos detemos na historia electoral autonómica galega entre 1993 e 2009 e comparamos a diferencia de votos entre os “populares” e o BNG de Xosé Manuel Beiras (494.606, en 1993; 437.316, en 1997; e 445.462, en 2001) e entre os primeiros e o BNG liderado por Anxo Quintana (444.608, en 2005; e 518.715, en 2009). Así, a media diferencial entre os resultados do PP e os do Bloque na fase na que Beiras xa era amplamente coñecido e na que tiña un rol xa relevante é de 459.128 votos. En contraposición, a diferencia media entre os conservadores e os “frontistas” na época quintanista é de 481.661 votos. A todo isto cómpre engadir, xa en 2012 e estando Quintana fóra da primeira liña política, que a diferencia entre o PPdeG e a suma de BNG e AGE (liderada por Beiras, superou en 54.801 votos ó anterior) foi de 346.855 votos, a diferencia máis curta de toda a etapa autonómica.
En vista dos datos cualitativos e cuantitativos pódese apreciar como a diferencia en termos de eficacia electoral (relación entre os votos obtidos pola propia formación e os acadados polo principal adversario) é escasa e, en todo caso, favorable ó de Brión fronte ó alaricano. Por tanto, as maiorías absolutas do PP en Galicia pouco ou case nada tiveron que ver coa personalidade de Beiras.
Fronte a etapas anteriores (exceptuando os anos 2005 e 2009), o enfrontamento entre bloques políticos (PP e Ciudadanos, por un lado; e PSOE e as organizacións de esquerda alternativa galeguista, por outro; sen esquecer a posible entrada da localista Democracia Ourensá no Hórreo) preséntase moi igualado, xa que a extrapolación dos resultados do 20-D e a enquisa de Redondo & Asociados de xaneiro de 2016 danlle 38/75 escanos ó centro-dereita. Consecuentemente, se finalmente toma esta decisión e é elixido candidato de En Marea ou doutra candidatura ideoloxicamente moi próxima ou análoga, Xosé Manuel Beiras disporá do seu último cartucho para alcanzar o seu soño de ser presidente da Xunta con non poucas opcións de conseguilo. A bastante probable superación electoral das “mareas” ó PSdeG outorgaríalle, en tal caso e de alcanzar xuntos a maioría absoluta, ese cobizado cargo institucional. Se finalmente estes non alcanzan, xunto co BNG (aínda non tomou unha decisión definitiva respecto ás alianzas preelectorais), os tan prezados 38 deputados, o brionés poría punto e final á súa carreira política sen poder levar a cabo nunca na práctica ningún dos seus fundamentos teóricos.



https://polileaks.es/2016/04/09/unha-analise-da-importancia-de-beiras-na-politica-galega/